Friday 17 de May de 2024

Poetas Di(n)versos xuntará as líricas de Iraq e Nepal coa galega


O tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, e a coordinadora do ciclo, Yolanda Castaño, presentaron a segunda entrega da duodécima edición, que contará cunha cita máis en xuño tras reprogramar a visita da portuguesa Maria Rosário Pedreira: “estamos ante un modelo consolidado, que reforza as potencialidades da cultura da cidade”, explicou o edil
O tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá unha nova entrega da duodécima edición de Poetas Di(n)versos xunto á coordinadora Yolanda Castaño. Nunha data significativa como a véspera do Día do Libro, o edil afirmou que actividades como a que organiza o Goberno de Inés Rey no Centro Ágora demostran que a poesía pode ter vida propia mais, no principio de todo, está sempre o libro. Borrego sinalou con respecto a este ciclo que se soporta sobre a palabra, que “estamos ante un modelo consolidado, que reforza as potencialidades da cultura da cidade” nunha especie de laboratorio,
onde se proxectan as ideas máis relevantes do noso tempo.
Nesta ocasión, a actividade retomarase este luns, ás 20.00 horas, coa posta en escena de dúas voces feministas con ecos do ‘spoken word’: as da ourensá Arancha Nogueira e a nepalí Itisha Giri. En maio, o poeta vigués Vítor Vaqueiro fará parella o día 10 co tradutor iraquí, Abdul Hadi Sadoun, para uniren as tradicións líricas galega e mesopotámica. O 24 do mesmo mes, Dolors Miquel, en catalán, e a saviñá Alicia Fenández, en galego, deconstruirán e reescribirán a familia na recta final dunha edición que incluirá unha cita máis o 14 de xuño, que se aprazou no seu momento pola imposibilidade de que a lisboeta Maria do Rosário Pedreira viaxase até Galicia por mor da pandemia. Deste xeito, Yolanda Castaño agradeceulle ao  Concello que non cancele as citas e que as adíe como no caso da portuguesa, que se subirá ao escenario co vigués Xavier Rodríguez. Os recitais contarán coa presenza dunha libraría coruñesa, que ofrecerá á venda, en cada acto, os títulos das escritoras e escritores convidadas/os, que logo asinarán os exemplares. O espazo do auditorio do Ágora reducirá a súa capacidade ao 30%, mais non se prevé que as 90 prazas permitidas acaben por deixar fóra ningunha persoa do público
habitual deste ciclo.
Castaño recordou que Poetas Di(n)versos só interrompeu as súas actividades durante o confinamento da pasada primavera e recibiu en 2014 o Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural.